A Coruña: Comunicado do CSO A Insumisa

CSO_A_Insumisa_CorunaÁs nosas veciñas da cidade da Coruña e a quen poida interesar:

Ola! Somos as okupas da antiga Comandancia de Obras, agora “Centro Social Okupado a Insumisa”. Hai máis dun mes que, armadas cos nosos soños e ilusións, asaltamos un espazo triste, baleiro e gris, do que só sacaban proveito as ratas e as gaivotas, para transformalo nun Centro Social aberto e asembleario, nun punto de encontro para os movementos sociais da cidade, nun laboratorio cultural, social e ideolóxico que permita ás persoas e colectivos autoorganizados desenvolver iniciativas á marxe da autoridade, o consumismo e a tiranía do diñeiro. Hai máis dun mes que, provistas unicamente do desexo e a certeza de que entre todas podemos facer deste un mundo mellor, comezamos a restauración paulatina destas instalacións para que ti ou calquera poida gozar delas libremente.

Ninguén nos manda nin ninguén nos dirixe. Non aceptamos máis autoridade que a da asemblea que todos os martes a partir das oito celebramos e á que ti tamén estás convidad@. Iso si, deixa na casa calquera actitude sexista, homófoba, racista, especista, xerárquica ou autoritaria que poidas ter, posto que iso aquí non nos interesa. [Leer más]